Preguntas frecuentes
Se tes algunha dúbida que non contestemos aquí, por favor, envíanos unha mensaje e contestaremos canto antes.
O congreso celebrarase nun formato híbrido: isto significa que se pode asistir de dúas maneiras (presencial e en liña) ou alternar entre elas durante os tres días do congreso, segundo as necesidades e posibilidades de cada persoa. A asistencia híbrida aplícase tanto a comunicantes como a asistentes. Compartiremos as ligazóns para a participación en liña a medida que se achegue a data do congreso.
O congreso terá lugar na Facultade de Filoloxía e Tradución (FFT) da Universidade de Vigo (Estrada de Marcosende, s/n). É unha facultade situada fóra da cidade de Vigo, e aínda que hai bastantes autobuses para chegar alá, cómpre ir con tempo.
Para chegar usando as MariLanzadeiras habilitadas para o congreso:
Temos dúas MariLanzadeiras para o congreso. Sairán da rúa do Areal, 46, ás (hora pendente). Se tes necesidades de accesibilidade e queres reservar espazo na MariLanzadeira, escríbenos a hola@maricorners.es.
Para chegar en transporte público (1,63 € en efectivo)…
… dende a Praza de América ou a Praza de España hai dous autobuses lanzadeira (U1 e U2, respectivamente). O tempo total da viaxe é duns 20 minutos.
…desde a estación intermodal (tren/autobús) de Urzaiz (Vialia): Podes coller o autobús 15C (dirección Universidade) do outro lado da rúa. O tempo total da viaxe é duns 35 minutos.
… dende a estación de tren de Guixar: Non hai autobús ningún que vaia de Guixar á universidade. Podes camiñar uns 15 minutos ata Vialia e coller alí o 15C, ou coller un autobús como o 16 ou o 17 para achegarte á Praza de América e coller alí o autobús lanzadeira U1.
…desde o aeroporto: O único autobús que pasa polo aeroporto de Vigo é o A (ás veces o A1), que baixa do aeroporto á cidade e despois sobe á universidade. Este autobús non ten moita frecuencia e tarda unha hora e cuarto en ir do aeroporto á universidade, polo que non o recomendamos. O máis lóxico sería coller un taxi, que ten un prezo fixo de 25,50 € para as viaxes con orixe no aeroporto. As viaxes ao aeroporto non teñen un prezo fixo, senón que dependen do taxímetro e adoitan custar uns 25-30 € desde o centro de Vigo.
Información importante sobre aplicacións de transporte público e motores de busca: O transporte público de Vigo non aparece en Google Maps. Os autobuses XG[números] que aparecen en Google Maps son autobuses interurbanos.
Recomendámosche usar a aplicación Moovit (con anuncios e sen información en tempo real, pero cun bo planificador de rutas) xunto coa aplicación Vigo (que si ten información en tempo real para cada parada se premes en Vitrasa > Paradas). Ademais, en todas as paradas hai códigos QR que podes escanear para ver as próximas chegadas en tempo real e algunhas paradas con marquesiña amosan ese mesmo horario nunha pantalla.
Tamén podes consultar as paradas de autobús ou planificar a túa ruta usando o sitio web de Moovit aquí.
A Facultade de Filoloxía e Tradución ten catro edificios distintos, pero próximos entre si e conectados por soportais (e ramplas) para que non nos mollemos cando chove.

A facultade dispón de entradas accesibles para persoas con mobilidade reducida nas súas entradas principais (dende o lado da parada do autobús), así como de ascensores.
No exterior, a facultade está rodeada de espazos verdes e dous pequenos lagos con bancadas onde podes relaxarte. Se estás buscando un lugar para descansar ou relaxarte no interior, podes ir á biblioteca, que está no pavillón central.
Está prevista a interpretación simultánea ao español para a sesión plenaria.
Cada pavillón da FFT ten 3 baños: un para mulleres, outro para homes e un baño neutro que tamén é para persoas con discapacidade. Ese baño de xénero neutro é para calquera persoa que non se sinta segura ou cómoda usando un inodoro binario, e é así por política da facultade.
Pedímoste que, se non es disca, lle deas preferencia a calquera persoa con discapacidade (se hai cola, podes ir ao baño neutro en calquera outro pavillón). Tamén recomendamos que as persoas que se sintan cómodas usando baños binarios os utilicen, para distribuír mellor a xente e evitar colas innecesarias nos baños neutros/disca.
Cafetería da FFT (pavillón central): ofrece menú do día, pratos combinados, hamburguesas, bocadillos… e ten opcións vexetarianas e veganas. Hai un microondas dispoñible se queres traer a túa propia comida.
Durante os tres días do congreso, a media mañá, ofreceremos café (con opcións veganas e opcións que respecten as intolerancias e alerxias) dentro da propia facultade, na cafetería. Haberá voluntaries moi dispostes a guiarvos.
Para obter o certificado de asistencia ou participación no congreso, é IMPRESCINDIBLE rexistrarse nos prazos establecidos, que se poden consultar na sección de inscrición. Pecharemos o prazo de inscrición o 15 de abril.
É importante ter en conta que a inscrición implica, en todos os casos, que se pagou algunha das taxas establecidas (coa excepción das persoas ás que lles concedamos unha bolsa), e que ese diñeiro se reinviste integramente na organización e nos gastos do congreso; é dicir, ninguén se beneficia de MariCorners nin recibe honorarios por participar ou colaborar na súa organización.
As salas previstas para o congreso contan con acceso a internet, proxectores e equipo de son.
As sesións constarán de catro presentacións e terán unha duración total dunha hora e 30 minutos. Noutras palabras, cada relatorio ten un mínimo de 15 minutos e un máximo de 20 para desenvolver a súa presentación, independentemente do número de persoas que participen na comunicación. A organización resérvase o dereito de cortarlle a palabra á persoa ou persoas que superen este tempo e sempre recomendamos deixar tempo suficiente para permitir un diálogo e debate posterior.
Se vas usar un ficheiro PowerPoint, PDF ou similar para a túa presentación, envía o(s) documento(s) a MariCorners con antelación para que poidamos subilo a unha carpeta de Drive. Compartiremos esta carpeta cos asistentes presenciais e virtuais por varios de motivos:
- En primeiro lugar, é unha acción sinxela que axuda coa accesibilidade. Entre outras vantaxes, as persoas con visión reducida terán un mellor acceso á túa comunicación e as que teñan problemas de concentración ou memoria poderán avanzar ou retroceder para revisar as diapositivas que non estean na pantalla.
- En segundo lugar, dado que a maioría das intervencións coincidirán con outras noutras salas, os asistentes poderán revisar os teus documentos mesmo se non poden asistir á túa sesión e poderán manter conversas máis gratificantes durante as pausas para o café, as conversas nos corredores ou se latan a algunha sesión. Todos os anos tentamos non contraprogramar comunicacións semellantes, e, malia todo, a xente ten conflitos todos os anos. Agardamos que compartir os documentos axude a minimizar estas situacións.
- En terceiro lugar, é moito máis doado citar compañeiros cando tes as diapositivas da presentación. Non só se cita con máis precisión, senón que se cita con máis frecuencia porque non confiamos unicamente na nosa memoria.
- Finalmente, se a xente sabe dende o principio que ten acceso ás diapositivas, non terá que interromper a túa comunicación para pedirche que llas envíes, nin para retroceder un par de diapositivas, nin para compartir as referencias con eles 🙂.
Será fundamental respectar os tempos establecidos no programa. As persoas da organización resérvanse o dereito de acurtar as intervencións que superen os límites establecidos, co fin de manter a programación tal e como estaba prevista no programa e evitar atrasos.
Os pósteres estarán expostos ao longo do congreso no Pavillón C. A organización do congreso imprimiraos en tamaño A2 e colgaraos sempre que os recibamos por correo electrónico en formato PDF antes do 5 de abril. Non nos responsabilizamos dos pósteres enviados despois desa data.
Dado que se trata dunha conferencia interdisciplinar, é posible que os pósteres non se usen moito na túa disciplina e que nunca vises ningún. Se é así, velaquí uns datos de interese:
- Recibirás un certificado de participación tan válido como o dunha presentación, obradoiro ou actuación.
- Para crear un póster, adóitase usar programas de edición como PowerPoint ou CANVA, que son gratuítos e están en liña, e que xa teñen modelos de póster predeseñados.
- O contido debe tentar condensar a información que prepararías para unha presentación oral, sen sobrecargalo con texto ou información. Eis unha ligazón con algúns exemplos: https://neoscientia.com/como-hacer-un-poster-cientifico/
- A estética e o deseño son persoais. Non hai un modelo predefinido para este congreso. Podes atopar moitos exemplos en liña, pero ao final a decisión é túa.
- O noso consello é facelo o máis visual posible e con títulos e textos o máis claros posible, pero dependendo da investigación, o uso de gráficos, as imaxes ou os textos influirán moito no deseño do póster. Ten en conta a accesibilidade ao deseñar o teu póster e non empregues fontes ilexibles, letras excesivamente pequenas ou cores sen contraste entre elas.
- Se hai información que consideres necesaria que non colle no póster, podes usar códigos QR ou ligazóns para que a xente a consulte.
- O póster colocarase na zona designada e estará exposto durante os tres días do congreso.
- Es autoris podedes estar xunto ao voso póster durante as sesións de pósteres o xoves e o venres de 10:30 a 11:00 no pavillón C por se a xente ten algunha pregunta nese momento. O obxectivo é que poidas explicar a túa investigación e ter contacto directo coas persoas interesadas.
- Obviamente, non é práctico estar de pé xunto ao teu póster durante toda a conferencia, e pode suceder que a xente pase por diante del e teña preguntas mentres non estas alí. Se o desexas, podes usar un código QR cun ficheiro de audio ou vídeo onde expliques o contido do póster.
Ao final da conferencia, ou cando o consideres oportuno, retira o teu póster para poder gardar unha lembranza da túa participación. Se quedan pósteres o último día, teremos que levalos a un punto de reciclaxe (e iso pode ser difícil con todo o que levaremos fisicamente connosco).
Vigo é bastante grande e, durante o día, adoita haber un bo servizo de autobús. As cousas complícanse pola noite. Recomendámosche que te aloxes no centro da cidade se podes. Creamos un mapa con dúas zonas: a zona rosa brillante é a máis céntrica e a mellor conectada, mentres que a zona rosa claro é lixeiramente menos céntrica e menos conectada. Podes aloxarte fóra das zonas rosa, por suposto, pero ten en conta que se asistes aos eventos sociais pode que teñas que volver en taxi. Podes atopar máis información sobre o transporte na segunda pregunta frecuente desta páxina.
